Produtora » Novas da Fundación TIC

27/02/2015

A fundadora de Vitalia, Catalina Hoffmann, participa este sábado nunha xornada organizada pola TIC na Deputación

- O encontro Retos e oportunidades das novas tecnoloxías para os nosos maiores comezará ás 11:00 horas no Salón de Actos e incluirá un taller de Wii Terapia
- A creadora do Método Hoffmann exporá a súa experiencia, que estudan os alumnos da universidade de Harvard

A creadora do Método Hoffmann e fundadora da rede de franquías internacional de Centros de Día Vitalia, Catalina Hoffmann, impartirá este sábado unha charla durante a Xornada sobre retos e oportunidades das novas tecnoloxías para os nosos maiores, que organiza a Fundación TIC, dependente da Deputación, este sábado 28 de febreiro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O encontro, aberto ao público en xeral, está especialmente dirixido ao colectivo de persoas maiores, profesionais sociosanitarios, asociacións da terceira idade da provincia de Lugo, ao tecido empresarial, institucións, docentes e investigadores.

A xornada, que comezará ás 11:00 horas, inclúe un taller práctico de Wii Terapia no que poderán participar un máximo de 50 maiores. Para o seu desenvolvemento instalaranse consolas con monitores. Contará coa presenza de terapeutas que dirixirán a actividade.

Hoffmann, referente no sector dos maiores
Especialista en estimulación cognitiva, Catalina Hoffmann converteuse en referente profesional no sector da terceira idade pola súa traxectoria como empresaria e como creadora do Método Hoffmann, unha innovadora metodoloxía de tratamento rehabilitador dos maiores, baseada na atención personalizada tendo en conta as áreas físicas, psíquicas, cognitivas e sociais. Recibiu numerosos recoñecementos a nivel nacional e internacional, entre outros moitos, o prestixioso premio como emprendedora da Fundación Príncipe de Girona e o premio Expansión ao Emprendemento. A súa experiencia foi exposta aos alumnos da Universidade de Harvard como caso de éxito dun plan de negocio. En 2012 creou a Fundación Catalina Hoffmann orientada á atención de persoas maiores con escasos recursos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet