Produtora » Novas da Fundación TIC

15/10/2014

O galego Alejandro Marzoa, candidato ao Goya 2014 á mellor dirección novel, inaugura o novo curso da EIS

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9776.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9719.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9796.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9797.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9803.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9802.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9825.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9826.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9827.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9839.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9849.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2091_D77K9857.JPG







-Gómez Besteiro dixo que “Marzoa é un exemplo para os nosos alumnos de como con talento, boa formación e moitas gañas se pode triunfar no mundo do cine”
-Gañador do Mestre Mateo e candidato ó Goya por Somos xente honrada, Marzoa súmase á longa lista de profesionais de prestixio que expuxeron a súa experiencia ós alumnos da EIS
-O máximo responsable da TIC anunciou que “este ano afrontamos un novo reto: a Animación 3D, un dos sectores con máis proxección laboral” e lembrou que este curso se cubriron por sétimo ano consecutivo todas as prazas con matrícula gratuíta

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o director de cine galego Alejandro Marzoa, inauguraron este martes o curso 2014-2015 da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual, e que por sétimo ano consecutivo cubriu as totalidade das 44 prazas dos ciclos Superiores de Realización e Produción con matrícula gratuíta.

No acto, que estivo aberto ó público, Gómez Besteiro destacou a traxectoria de Marzoa, “un director que comezou a súa formación nunha escola como a nosa, e que, despois de acadar numerosos recoñecementos coas súas curtas, deu o salto á gran pantalla coa película Somos xente honrada, pola que foi candidato ao Goya 2014 á mellor dirección novel e pola que gañou os premios Mestre Mateo 2014 nas categorías de director e guionista”.

Un exemplo para os alumnos da EIS
“Sentímonos especialmente orgullosos de ter con nós a Marzoa, que é un exemplo para os nosos alumnos de como con talento, boa formación e moitas gañas se pode chegar ó máis alto no mundo do cine”, apuntou Besteiro. Tamén afirmou que “ninguén mellor que Marzoa para expoñer a súa experiencia, xa que ademais de ser un profesional do audiovisual está directamente vinculado á docencia como profesor da Escola de Cine e Audiovisuais de Cataluña”.

Pola súa banda, Marzoa valorou “que Lugo conte cun centro como a Escola de Imaxe e Son, no que se dá formación á xente con inclinacións cara o mundo do audiovisual, e no que a parte práctica ten un peso moi importante”. Entre os consellos aos alumnos da EIS dixo que “a principal pregunta non é se o sector ten saída, senón que é o que debedes facer, se tedes a paixón suficiente, para materializar unha idea”. Avanzou que neste momento “teño entre mans varios proxectos, pero o que máis me motiva é sacar adiante a miña segunda película, La última canción. Esa é agora a miña pelexa”.

Novo reto: Animación 3D
Durante a inauguración, o máximo responsable da TIC tamén anunciou que “este curso afrontaremos un novo reto: a Animación 3D, un dos sectores con máis crecemento e proxección laboral na industria do entretemento, xa que está presente en moitos campos, desde o cine e a televisión ata a publicidade e os videoxogos”.

Neste senso, Gómez Besteiro afirmou que “apostamos pola formación de calidade e por seguir abrindo camiños para dar saída ós nosos alumnos, adaptándonos á demanda dun mercado en continua evolución. O ano pasado fixémolo co deseño de videoxogos e este coa Animación 3D”. Esta actividade forma parte do programa de formación complementaria da EIS polo que está destinada a alumnos, titulados e docentes. Comezará a impartirse no mes de novembro e durará ata finais do curso.

Traxectoria con numerosos premios
Alejandro Marzoa naceu en Vigo en 1979 e estudou a especialidade de Imaxe na Escola de Imaxe e Son da cidade olívica (Marcote). No 2001 trasladouse a Barcelona, onde se graduou na Escola de Cine e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC) en Fotografía de Cine e Audiovisuais. Na actualidade é profesor deste centro na especialidade de Fotografía.

Comezou a súa traxectoria con curtas que acadaron un amplo recoñecemento: Temporada 92-93, con 47 premios; Amistad con, 20 galardóns; e Padre modelo, con 12, entre outras. Deu o salto á longametraxe como director da comedia con tinguiduras dramáticas Somos xente honrada, pola que acadou o premio Mestre Mateo 2014 á mellor dirección e tamén ó mellor guión, neste caso xunto con Miguel Ángel Blanca. Ademais foi candidato ó Goya 2014 á mellor dirección novel é ó mellor guión orixinal. Xunto a Blanca tamén dirixiu Your Lost Memories.

Profesionais de prestixio na TIC
Alejandro Marzoa súmase a unha longa lista de profesionais de prestixio, referentes no mundo audiovisual a nivel nacional e internacional, que espuxeron a súa experiencia aos alumnos da TIC, como os directores Gracia Querejeta, Imanol Uribe, José Luis Cuerda, Ángel de la Cruz, Jorge Coira e Carlos Sedes; os produtores José María Besteiro, Julio Fernández e Pedro Revaldería; os actores Luis Tosar e Antonio Mourelos; o compositor e produtor musical Arturo Vaquero ou o técnico de son e produtor artístico, Segundo Grandío.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet