Produtora » Novas da Fundación TIC

13/06/2017

A TIC e o SERGAS promoverán hábitos saudables entre a poboación da provincia de Lugo a través de audiovisuais


- Alumnos e bolseiros, baixo a supervisión de profesionais, elaborarán os traballos audiovisuais que tamén recollerán os actos de conmemoración do Día Internacional de Enfermería

- Santos dixo que “con este acordo queremos contribuír á difusión do importante labor social dos profesionais sanitarios na promoción de condutas e hábitos saudables entre os lucenses”


A Fundación TIC da Deputación de Lugo e a Xerencia Integrada de Lugo, Cervo e Monforte do SERGAS promoverán hábitos saudables entre os habitantes da provincia a través de produtos audiovisuais elaborados por alumnos e bolseiros da TIC baixo a supervisión de profesionais. O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o xerente da Xerencia Integrada, Ramón Ares Rico, asinaron este luns un convenio de colaboración que tamén inclúe a realización de traballos informativos sobre o funcionamento dos servizos dos centros sanitarios así coma dos actos de conmemoración do Día Internacional de Enfermería.

Labor social dos profesionais sanitarios

Santos dixo que “con este acordo queremos difundir o importante labor social dos profesionais sanitarios na promoción de condutas e hábitos saudables entre os lucenses, fundamentais para previr enfermidades e ter unha boa calidade de vida”. Ademais, o patrón da TIC afirmou que “esta é unha oportunidade máis para que os alumnos e titulados en prácticas da nosa Escola de Imaxe e Son leven á práctica os seus coñecementos en realización e produción nun escenario real”.

A TIC cos lucenses

Con este acordo supéranse os 170 convenios de colaboración que a TIC ten asinados con organizacións sen ánimo de lucro da nosa provincia. A entidade presidida por Darío Campos desenvolve parte do seu labor social a través da colaboración con asociacións que traballan a prol dos veciños e veciñas da provincia.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet