Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

30/09/2016

A TIC da Deputación conmemora o Día dos Maiores con obradoiros de fotografía e Memoria Dixital


-A Fundación TIC colabora co Concello de Lugo no programa de actividades que se desenvolverán en horario de 17:00 a 19:00 horas diante da Casa Consistorial

- Santos dixo que “saímos á rúa co obxectivo de que os lucenses coñezan o traballo que desenvolve a TIC para mellorar a calidade de vida dos maiores a través das novas tecnoloxías”

-Os testemuños das persoas que participen no obradoiro de Memoria Dixital pasarán a formar parte do banco de recordos audiovisual www.memoriadixitallugo.es

A Fundación TIC da Deputación súmase con obradoiros de Memoria Dixital Lugo e de fotografía aos actos organizados polo Concello de Lugo con motivo da conmemoración, este sábado 1 de outubro, do Día Internacional das Persoas Maiores. O patrón da TIC e Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, dixo que “non podiamos faltar a esta cita porque os maiores da nosa provincia forman unha parte esencial do labor que desenvolvemos co obxectivo de que as novas tecnoloxías sirvan de ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”.

Álvaro Santos, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apuntou que “a nosa intención tamén é saír á rúa para que a sociedade coñeza o labor que desenvolvemos na Fundación TIC, unha entidade da Deputación que está ao servizo de todos os lucenses. Un traballo avalado, ademais, pola alta demanda que hai dos cursos que impartimos. Sen ir máis lonxe, as prazas convocadas para o último trimestre deste ano quedaron cubertas ás seis horas de abrirse o prazo de inscrición”.

Fotografía e recordos

Os dous obradoiros desenvolveranse en horario de 17:00 a 19:00 horas diante da Casa Consistorial. Haberá un espazo no que todas as persoas interesadas poderán participar no programa Memoria Dixital Lugo , “un proxecto no que temos depositadas moitas ilusións porque entre todos lucenses estamos a crear un arquivo audiovisual de recordos sen precedentes na nosa provincia. Neste caso, calquera persoa interesada en contarnos os seus recordos pode achegarse ata aquí. Un equipo da TIC gravaralle o seu testemuño, que quedará recollido en www.memoriadixitallugo.es”.

Ademais, haberá un taller de fotografía para os maiores que incluirá un phtocall. Segundo Santos, “os cursos e obradoiros de fotografía son, xunto aos relacionados co uso do móbil, os máis demandados polos usuarios das actividades que imparte o InLugo, tanto na súa sede en Lugo como en toda a provincia”.

Ampla programación ata finais de ano

Ademais, a TIC desenvolverá no último trimestre deste ano 29 talleres no InLugo, cun total de 393 prazas, así como o programa Alimentatic con 15 obradoiros sobre alimentación saudable, que estarán distribuídos en todas as comarcas da provincia. Tamén haberá outras actividades como a xornada dedicada ao Nadal ou un obradoiro de fotografía no San Froilán.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet