Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

05/04/2016

O InLugo impartirá 27 cursos no 2º trimestre do ano con máis de 300 prazas gratuítas para maiores da provincia


-O centro xestionado pola TIC atende a demanda dos propios usuarios con obradoiros de uso básico de ordenador, videoconsolas Wii e Xbox, Internet ou Whatsapp

-Álvaro Santos destacou “o papel do InLugo nunha provincia envellecida como a nosa na que as novas tecnoloxías poden contribuír á calidade de vida dos maiores”

-Os interesados poden inscribirse a partir das 12:00 horas deste mércores, 30 de marzo, a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186



O patrón da Fundación TIC, Álvaro Santos, presentou este mércores a programación do 2º trimestre de actividades desenvolvidas no Centro de Innovación Social, InLugo, que xestiona a TIC a través dunha encomenda da Deputación. Inclúe 27 cursos e obradoiros, tres deles na provincia, e un total de 311 prazas gratuítas destinadas a todos os lucenses de máis de 55 anos.

Santos afirmou que as actividades previstas de abril a xuño de 2016 “atenden as demandas dos propios usuarios co obxectivo de achegar aos nosos maiores as vantaxes das novas tecnoloxías, desde o manexo básico do ordenador, smartphone ou tablet, ata o uso das videoconsolas Wii e Xbox para estimular as capacidades cognitivas e funcionais, pasando por aprender a navegar por Internet e empregar App tan populares como Whatsapp, que lles permiten estar en contacto con amigos e familiares”.

O representante da TIC anunciou que o prazo para inscribirse se abre este mesmo mércores, 30 de marzo, ás 12:00 horas, e animou “a todos os interesados a que se apunten canto antes xa que cada vez é maior a demanda, e boa parte das prazas soen cubrirse ás poucas horas”. Pode facerse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186. A programación arrancará o 5 de abril co curso “Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador”, que durará tres días.



InLugo, útil á provincia

O patrón da TIC destacou “o labor que está a desenvolver o InLugo nunha provincia como a nosa, cunha poboación moi envellecida e dispersa, na que as novas tecnoloxías poden representar un papel moi destacado á hora de mellorar a vida cotiá dos nosos maiores, a súa comunicación cos demais e a preservar as súas capacidades cognitivas e funcionais”.

Ademais dos cursos e obradoiros, o InLugo conta con outros servizos. Un deles é a Aula de Transmisión do Coñecemento, unha aula interactiva con material informático e conexión a Internet a disposición de todas aquelas persoas maiores que o desexen. Emprégase tamén para realizar actividades de reforzo dos coñecementos adquiridos polos usuarios nas diferentes actividades realizadas polo centro.

O InLugo tamén ofrece titorías personalizadas aos lucenses que precisen axuda con respecto ás novas tecnoloxías. Neste caso os interesados poden achegarse ao centro para tentar resolver as súas dúbidas tecnolóxicas puntuais de xeito individualizado.







< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet