Produtora » Novas da Fundación TIC

14/12/2015

O InLugo pecha o ano con actividades na provincia e o concurso de fotografía dixital O Apalpador TIC



-O luns 14 de decembro arranca un amplo programa para rematar o último trimestre de 2015, que culminará o 22 de decembro coa xornada Nadal: Sons e Recordos


- Na última quincena do ano o InLugo desenvolverá actividades formativas sobre nutrición e o uso do móbil e a tablet nunha ducia de Concellos de todos so puntos da provincia



O Centro de Innovación Social InLugo, que xestiona a Fundación TIC, pecha o último trimestre de 2015 cun amplo programa destinado aos lucenses de máis de 55 anos. Inclúe obradoiros en diversos puntos da provincia sobre nutrición e o uso do móbil e a tablet na vida cotiá, así como actividades relacionadas con estas festas, que culminarán o 22 de decembro coa xornada Nadal: Sons e Recordos, aberta ao público na sede do InLugo.

O programa, que arranca este luns 14 de decembro, tamén inclúe o obradoiro–concurso de fotografía dixital “O Apalpador TIC” e unha exposición das instantáneas feitas polos maiores participantes.


O InLugo, máis cerca

O InLugo desprazarase a unha ducia de Concellos de todos os puntos da provincia para achegar a formación aos maiores: Trabada, A Pontenova, O Valadouro, Guitiriz, Láncara, Antas de Ulla, Vilalba, A Pobra do Brollón, Viveiro A Fonsagrada, Navia de Suarna e Monforte de Lemos. Impartiranse tres obradoiros, que comezarán o martes 15 de decembro. Son os seguintes:

O móvil como ferramenta diaria, co que se pretende amosar as vantaxes do uso do teléfono móbil na vida diaria das persoas maiores, posibilitándolles os coñecementos para realizar chamadas de emerxencia ou o uso da alarma e da axenda para recordatorios.

A tablet como ferramenta diaria mostrará as utilidades deste dispositivo: consulta de internet, xestión dunha axenda ou cámara fotográfica. Tamén se empregará a app “Sempre en activo” para a prevención do deterioro cognitivo.

E, por último, en Nadal Saudable os participantes empregarán as tecnoloxías a prol dunha alimentación saudable, especialmente importante no caso das persoas maiores. Tamén adquirirán coñecementos básicos de nutrición nunhas datas de excesos como o Nadal.


Do 14 ao 18: “O Apalpador TIC”

Outra das actividades coas que o InLugo celebra o fin de ano é o obradoiro- concurso de fotografía dixital “O Apalpador TIC”. Neste caso, os asistentes familiarizaranse coas cámaras fotográficas dixitais, a creación dunha cota online ou o envío de arquivos por correo electrónico. Ademais, poderán achegarse ás redes sociais e desenvolver habilidades artísticas. O “Apalpador TIC” terá lugar do 14 ao 18 de decembro, en horario de mañá. A exposición de fotografías e a entrega de premios celebrarse o 22 de decembro, durante a xornada Nadal: Sons e Recordos.

Ademais, e dentro da programación do 3º trimestre de actividades do InLugo en 2015, desenvolveranse dous cursos do 14 ao 17 de decembro: Exercicio mental co ordenador en horario de mañá e Fai das túas fotografías unha felicitación de Nadal, en horario de tarde.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet