Produtora » Novas da Fundación TIC

04/12/2015

A TIC colabora con Achádego Teatro na Gala Solidaria a prol dos refuxiados o 12 de decembro


-“Toda a terra é dos homes” é un espectáculo de teatro e danza no que se proxectarán varios audiovisuais elaborados por profesionais e bolseiros da TIC

-As entradas custan 5 euros e a recadación destinarase integramente ao programa de refuxiados da Cruz Vermella


A Fundación TIC colabora de novo con Achádego Teatro na Gala Solidaria que esta ONG organiza o 12 de decembro en Lugo, na que se abordará o drama que sofren os refuxiados de todo o mundo. O espectáculo “Toda a terra é dos homes” inclúe representacións teatrais, danza e a proxección de varios audiovisuais elaborados pola TIC.

A actuación terá lugar no Auditorio Gustavo Freire ás 20:30 horas. As entradas custarán 5 euros e a recadación destinarase ao programa de refuxiados da Cruz Vermella. Haberá fila cero para aquelas persoas que queiran colaborar e non poidan asistir ao evento. Os cartos recadados na gala do ano pasado destináronse ao Banco de Alimentos.

A colaboración da TIC

Os audiovisuais elaborados pola TIC proxectaranse durante as representacións teatrais. Nun destes vídeos, varios lucenses contan que farían se tivesen que abandonar a súa casa por razóns políticas, económicas ou sociais. Noutros dous, detállase o decálogo de Goebbels sobre a manipulación política. Por último, proxectaranse dous audiovisuais máis con fotografías de refuxiados sirios e textos en off da propia obra.

Dentro do convenio da TIC con Achádego Teatro, xa houbo outras colaboracións coma os audiovisuais que se proxectan na obra “O Barco sen mariñeiro”, que a compañía teatral lucense representa por distintos puntos da xeografía galega desde a súa estra en 2013.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet