Produtora » Novas da Fundación TIC

03/09/2015

A TIC colabora nunha nova edición do roteiro Son d´Aldea que recrea a vida rural nos anos 40 e 50

-Un equipo da Fundación TIC gravará esta actividade, que se celebra o 4 e 5 de setembro en Palas de Rei, para a súa difusión en redes e a elaboración dun DVD
-No Son d´Aldea deste ano representaranse oito escenas que recrearán como moceaban os nosos avós

Un equipo da Fundación TIC, entidade dependente da Deputación de Lugo, trasladarase esta fin de semana á parroquia de Santiago de Albá, en Palas de Rei, para gravar a quinta edición de Son d’Aldea, un espectáculo teatral que recrea a vida do campo ambientada nos anos 40 e 50, co obxectivo de dignificar a cultura rural de mediados do século XX e reivindicar oportunidades e futuro para as aldeas de Galicia.

As escenas deste ano centraranse principalmente en amosar ao público como moceaban os nosos avós. A TIC elaborará reportaxes para dar unha maior difusión a esta actividade a través das redes sociais e editará un DVD con todo o material gravado.

Detate, artesanía e roteiro
O programa comezará o venres 4 de setembro ás 17:00 horas cunha mesa redonda sobre oportunidade e retos para o medio rural no mundo global. Seguiralle o espectáculo Nabiza girl e unha cea acompañada de queimada.

O sábado está previsto o roteiro teatral, que arrancará ás 10:30 horas. Este ano o título é Mocear, e repartirase en oito escenas: o concerto, o cunqueiro, Rosiña, os augardenteiros de Outeiro, filla de solteira, moceando, a burata de Fonte Grande e a casa do garabullo.

Ademais, haberá un xantar na aldea, unha mostra de oficios artesanais, unha demostración de xogos populares, unha actuación do actor César Cambeiro e unha romaría coa actuación do grupo Os Carunchos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet