Produtora » Novas da Fundación TIC

23/06/2015

Álvaro Santos defende o ensino público de calidade no acto de clausura do curso da Escola de Imaxe e Son

- O patrón da TIC destacou “os oito anos de Gómez Besteiro ao fronte da TIC, cheos de ilusión e de traballo, e coa satisfacción do labor desenvolvido. O ensino público e o labor social converteron á Fundación TIC nunha entidade útil para a sociedade lucense” - Os alumnos de 1º de Produción organizaron o acto de clausura e os de Realización emitírono por streaming como práctica nun escenario real, un dos sinais de identidade do modelo educativo da EIS

O patrón da Fundación TIC e Deputado en funcións de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, clausurou este luns o curso 2014-2015 da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), o único centro público na provincia que imparte ensino superior da rama audiovisual. Os alumnos de primeiro de Produción foron os encargados da organización do acto, no que tamén participou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os de Realización da súa emisión en directo por streaming, como unha das súas prácticas nun escenario real, un dos sinais de identidade do modelo educativo da EIS de Lugo. Na súa intervención, Santos destacou “os oito anos de José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da TIC, cheos de ilusión e de traballo, e coa satisfacción do labor desenvolvido. A aposta polo ensino público de calidade e o labor social converteron á Fundación TIC nunha entidade útil para a sociedade lucense”. Balance moi positivo No balance destes oito anos, a patrón da TIC dixo sentirse “especialmente orgulloso de que unha das primeiras decisións cando nos puxemos ao fronte da Deputación fora establecer a matrícula gratuíta na Escola de Imaxe e Son. Nós cremos nun ensino público de calidade e defendemos a igualdade de oportunidades como un dereito básico dos cidadáns. Isto implica ter moi claras cales son as prioridades á hora de investir. E nós témolas”. Neste senso, tamén destacou o esforzo realizado na mellora de medios, así como no programa de bolsas para que os titulados da Escola dean os seus primeiros pasos profesionais no mundo laboral. Lara Méndez destacou “sentirse orgullosa e partícipe do labor desenvolvido dende a Deputación coa Escola de Imaxe e Son neste últimos anos”. Méndez subliñou a aposta do Concello pola educación pública de calidade, recalcando que “a educación é o progreso e a garantía de igualdade de oportunidades reais”. Aberta á sociedade O responsable provincial afirmou que nestes anos “abrimos as portas da TIC á sociedade. Por unha banda, amosando o traballo que realizamos grazas, por exemplo, ás prácticas en escenarios reais e, por outra, cunha maior implicación cos lucenses a través da colaboración con ONGs e asociacións sen ánimo de lucro”. Tamén subliñou a cooperación cos Concellos coa difusión de actividades gastronómicas, culturais, etnográficas e deportivas que contribúen á promoción da provincia a nivel turístico, económico e ao asentamento de poboación no rural, así como o impulso dado á Lugo Film Commission para traer rodaxes de producións audiovisuais á provincia. O labor da TIC continúa Santos dixo que “o curso remata, pero o labor da TIC continúa. No caso concreto da EIS, a TIC traballará por unha maior especialización que converta esta Escola nun referente do ensino audiovisual en Galicia. Estes anos traballamos, e seguiremos facéndoo para que sexades os mellores alumnos e os mellores profesionais”. A matrícula para o curso 2015- 2016 será gratuíta por oitavo ano consecutivo. O prazo de preinscrición remata o 25 de xuño. A lista definitiva de admitidos publicarase o 3 de xullo e o prazo de matriculación será do 6 ao 17 do vindeiro mes, na sede do centro educativo en horario de mañá. Os interesados teñen toda a información en www.fundaciontic.org


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet