Produtora » Novas da Fundación TIC

26/03/2015

Éxito de público na preestrea en Lugo da miniserie Hotel Almirante coa que colabora a TIC

- A escritora Marta Rivera e boa parte do equipo técnico e artístico e dos figurantes de Lugo que participaron na rodaxe asistiron á proxección da película no Círculo das Artes
-Alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son organizaron e presentaron a gala e encargáronse do photocall na entrada do edificio. As fotos colgaranse na web www.fundaciontic.org
-Lara Méndez dixo que “coa colaboración da TIC, a través da Film Commission, contribuímos á promoción da nosa provincia e á formación dos alumnos da Escola

Numerosos lucenses asistiron á preestrea da miniserie Hotel Almirante no Círculo das Artes, nunha gala organizada por alumnos, bolseiros e docentes da Escola de Imaxe e Son. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, dixo que “Lugo se viste de gala para presentar esta película, coa que colabora a Fundación TIC a través da Film Commision e na que teñen un destacado protagonismo tanto a nosa cidade como os lucenses”. A responsable provincial destacou “a importancia de que Lugo acolla una produción deste nivel, cun presuposto de 750.000 euros, xa que contribúe á promoción da nosa provincia e tamén á formación práctica dos nosos alumnos”.

A responsable provincial estivo acompañada polo Alcalde de Lugo, José López Orozo, o director da película, Antonio Cuadri, e a autora da novela homónima na que se basea o telefim, Marta Rivera de la Cruz. Ademais, asistiu boa parte do equipo artístico e técnico, coa actriz protagonista, Ana Turpin, e os actores lucenses Mariana Expósito, entre outros. Tamén viron en primicia esta produción a maioría do cento de figurantes de Lugo que participaron durante os 15 días nos que Lugo se converteu nun plató de rodaxe.

Colaboración da TIC
Un photocall a cargo de alumnos da EIS recibiu ao público na entrada do Círculo das Artes. Todas as fotos da gala colgaranse na web da TIC www.fundaciontic.org. O evento tamén foi organizado por estudantes de 1º de Produción e docentes da Escola de Imaxe e Son e un bolseiro da Film Commission, entidade xestionada pola TIC na nosa provincia. Ademais, unha alumna de 2º de Produción foi a encargada de presentar o evento.

Hotel Almirante contou coa colaboración da Fundación grazas a un convenio con Formato Producciones. A Film Commission encargouse, entre outras actuacións, da tramitación dos permisos necesarios. Ademais, cedeuse o uso de dúas aulas da EIS para a gravación de varias escenas, así como as dependencias nas que a produtora estableceu a súa oficina de rodaxe. Esta colaboración tamén incluía a participación de alumnos e titulados no proceso de produción e gravación para contribuír a súa formación práctica.

Lugo, protagonista
Hotel Almirante ten unha duración de 180 minutos, que en televisión se dividirá tres capítulos. Rodouse durante cinco semanas en varias localizacións de Lugo e A Coruña. Na cidade amurallada traballou, durante 15 días, un equipo de 150 persoas, 40 delas profesionais e o resto figurantes de Lugo. Ten como escenarios destacados o Círculo das Artes, transformado en hotel, así como as rúas do casco histórico e varias dependencias da Escola de Imaxe e Son.

A acción da película transcorre na cidade galega de Ribanova en 1948, onde aparece o cadáver dunha moza nunha habitación dun hotel rexentado por Rosalía Leal. As primeiras evidencias da policía confirman que se trata dun suicidio, pero a publicación no xornal local dunha carta da suicida, implican sentimentalmente a Javier, pertencente a unha poderosa familia da cidade, os Aldao, pero enfrontado politicamente ó seu pai ó ter militado no bando republicano. Estes sucesos e a chegada á cidade de Javier Aldao, desencadearán a trama.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet