Produtora » Novas da Fundación TIC

10/02/2015

Centos de persoas seguiron en directo o VIII Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería de Foz na web da TIC

FotoFoto

-Alfredo Llano destacou “o éxito de seguimento da proba grazas ós alumnos de 2º de Realización da EIS”, encargados da realización, gravación e emisión por streaming
-O barista coruñés, Enrique Salgueiro, gañou a competición na que participaron 17 Escolas de Hostalería de España e Portugal
-Mañá tamén se emitirá na web www.fundaciontic.org o III Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que o ano pasado foi visto por máis de 2 mil persoas

Centos de persoas seguiron en directo o VIII Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería a través da web da Fundación TIC (www.fundaciontic.org), grazas a realización, gravación e emisión por streaming que levaron a cabo os alumnos de 2º do Ciclo de Realización da EIS, a única Escola de Imaxe e Son da provincia.

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, asistiu este martes no IES de Foz á final da competición na que participaron 17 centros de España e Portugal. O Deputado destacou que “no que levamos de certame estase a repetir o éxito de visitas de anos anteriores, no que se acadaron unhas 3.000 durante os tres días de encontros barísticos”. Deste xeito, afirmou Llano “a colaboración da TIC e o instituto focense demostra a importante labor de promoción que se está a levar a cabo nos últimos anos do encontro ó exterior”. De feito, os campionatos de baristas que se celebran estes días na Mariña son o referente en España nesta disciplina profesional, “o que da prestixio a imaxe da comarca luguesa e aumenta as posibilidades de inserción laboral no sector hostaleiro”, engadiu o deputado mariñao.

Ademais na emisión tamén se puido seguir a entrega de trofeos ós gañadores. Nesta ocasión, o mellor barista Internacional para escolas de hostalería foi parar ó coruñés Enrique Salgueiro Galdo, do CIFP Paseo Das Pontes. O segundo clasificado foi José Pérez Gayoso, do IES Villamarín, en Ourense; e o terceiro, o cántabro Juan Manuel Caviedes Hoyo, do IES Fuente Fresnedo.



Mañá en directo o Campionato Profesional
A Fundación TIC tamén emitirá mañá a través da web www.fundaciontic.org o III Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que se desenvolverá das nove da mañá ás dúas da tarde. Neste caso reunirá a 12 especialista, entre outros, os actuais campións baristas de Cantabria e da Comunidade Valenciana; e o campión de España do Forum Café, Adrián Fernández. A proba foi vista o ano pasado por máis de 2 mil persoas a través do streaming.

Ademais os que se achegan ata o instituto focense poden seguir ó detalle as actividades dos participantes a través das tres pantallas de plasma instaladas pola TIC, dúas no salón de actos onde se desenvolven as probas e unha colocada na cafetería do centro educativo.

Formación práctica de calidade
Os alumnos de 2º de Realización da Escola de Imaxe e Son da TIC, co apoio docente, están a empregar unha unidade móbil, 5 cámaras autónomas e todo o material preciso para a emisión en directo do evento. Ademais co material que rexistren elaborarán e editarán un DVD, que se entregará logo ó IES de Foz.
A actividad forma parte das prácticas que se levan a cabo a través do módulo de Realización de Televisión da EIS co obxectivo de ofrecer formación de calidade ós estudantes con estes traballos en escenarios reais, xa que son eles os que realizan gravan e emiten por streaming o evento “rotando cada un dos postos, dende realización, son, ou operador de cámara”, sinalou Llano.
Apoio ó sector hostaleiro da provincia
A colaboración entre a TIC e o instituto de Foz é froito dun convenio entre ambas entidades, que ten como finalidade promover no exterior as ensinanzas de hostalería que se imparten no IES mariñán, ó tempo que os estudantes da Escola de Imaxe e Son completan a súa formación de cara a súa inserción laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet