Produtora » Novas da Fundación TIC

28/11/2014

A TIC colabora coa Cruz Vermella na difusión do aniversario máis solidario da Muralla Patrimonio da Humanidade

-O evento benéfico prevé reunir este domingo a unhas 2.000 persoas con paraugas vermellos no adarve do monumento romano no día que se cumpren 14 anos da súa declaración como ben Patrimonio da Humanidade
- A Fundación realiza labores de produción, elaborará unha ampla reportaxe e tomará imaxes aéreas do evento que porá a disposición dos medios que o soliciten
-Os fondos que se recaden con esta iniciativa a través da venda dos paraugas, a un custe de 3 euros, destinaranse á campaña contra o ébola que promove a organización humanitaria

A Fundación TIC colabora coa Cruz Vermella na difusión do evento solidario que a organización celebra este domingo 30 de novembro con motivo do 14º aniversario da declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO co fin de recadar fondos na loita contra o Ébola. A Fundación está a realizar estes días, xunto a organización humanitaria, labores previos de produción. Ademais, un equipo gravará o evento, que prevé reunir a dúas mil persoas na muralla portando paraugas vermellos, para divulgalo a través das redes sociais e tomará imaxes aéreas que porá a disposición de todos os medios de comunicación que o soliciten previamente. Os medios interesados poden facelo a través do correo produccion.cpp@fundaciontic.org.

O apoio da Fundación á Cruz Vermella Lugo é unha nova mostra do traballo de colaboración que a TIC está a levar a cabo con asociacións da provincia sen ánimo de lucro para promover o labor destas organizacións a través da difusión de produtos audiovisuais ou de apoio técnico. Na actualidade, son máis dun centenar de entidades coas que colabora a TIC.

Proxección da muralla e solidariedade
Cruz Vermella Lugo, co apoio da TIC e do resto de colaboradores nesta iniciativa, está a convocar a centos de voluntarios para que este domingo uns dous mil lucenses levanten conxuntamente desde o adarve paraugas vermellos, a cor que simboliza á ONG, para bordear o perímetro da muralla. O fin é obter unha imaxe aérea multitudinaria para acadar a maior proxección do monumento romano no exterior. A organización destinará os fondos que se recaden coa venda dos paraugas, que terán un custe de 3 euros, á campaña contra o ébola que ten en marcha.

O acto terá lugar dende as 12.00 ás 14.00 horas. Poderase acceder ó adarve e recoller os paraugas nos seguintes puntos: Porta Santiago, Campo Castelo, Praza do Cantiño, Rúa do Teatro, Praza do Ferrol, Rúa Nova e Rúa da Tinería.

150 anos de acción humanitaria
A Cruz Vermella, que naceu en 1864, atende cada ano a máis de 5 millóns de persoas en España e ten presenza en máis de 35 países. Estas cifras son posibles grazas ós máis de 200.000 voluntarios, empregados, socios e colaboradores que, de forma altruísta, traballan na organización humanitaria, e ás achegas económicas de administracións, empresas e cidadáns anónimos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet