Produtora » Novas da Fundación TIC

17/10/2014

A TIC participa na retransmisión da tradicional chegada dos cabalos á feira das San Lucas de Mondoñedo

33

-A Fundación colabora coa Asociación As San Lucas para facer posible o seguimento en directo deste espectáculo a través dunha pantalla xigante na Praza da Catedral
-Tamén contribuirá cun DVD e reportaxes á difusión da feira máis antiga de Galicia e unha das que conta con maior tradición en toda España
-Un concerto de Kepa Junkera, unha homenaxe ao Mariscal Pardo de Cela e un espectáculo musical realizado polos mindonienses Voces da Paula son algúns dos pratos fortes que gravará a TIC

A Fundación TIC, entidade dependente da Deputación, participará este venres a partir das 18.30 horas na retransmisión en directo da tradicional chegada dos cabalos á feira das San Lucas de Mondoñedo a través dunha pantalla xigante situada na Praza da Catedral. Grazas á colaboración da TIC e a Asociación As San Lucas, os visitantes poderán gozar por primeira vez deste espectáculo ó completo. Os gandeiros cos seus cabalos, tal e como manda a tradición, baixarán dos montes da comarca percorrendo as rúas da localidade ata chegar o recinto da feira, a máis antiga de Galicia e unha das que conta con maior tradición en toda Europa.

Ademais, a TIC contribuirá á promoción destas festas coa elaboración de reportaxes para difundir nas redes sociais e a edición dun completo DVD que recollerá as actividades máis destacables nos cinco días do amplo programa festivo das San Lucas 2014.

Kepa Junkera e Voces da Paula, actuacións estelares
Un equipo formado por técnicos e bolseiros gravará os actos máis salientables do programa, que combina tradición e música, e que se recollerán nun DVD. Ademais da tradicional baixada cabalar, dos concursos morloxóxicos e da doma do domingo, outro dos pratos fortes das festas foi a ofrenda floral na tumba do Mariscal Pardo de Cela na Catedral celebrada este xoves.

A música tamén ten un oco privilexiado nas San Lucas, no cartel deste ano destaca a actuación estelar do músico bilbaino Kepa Junkera que celebra na cidade de Álvaro Cunqueiro a súa fin de xira, onde presentará o seu último traballo Galiza. A cita será de balde este sábado, ás 23.00 horas na Praza da Catedral. E xa para pechar os festexos o luns día 20, ás 22.00 horas, celebrarase un espectáculo musical moi especial, a cargo dos mindonienses Voces da Paula, na Alameda dos Remedios.

Máis de oito séculos de historia
As San Lucas, unha das feiras máis antigas de España e de Europa, celebra este ano a súa 858 edición. A súa orixe atribúese ó bispo Martín para celebrar a consagración da Catedral en 1246.O escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro describiu a imaxe máis representativa das San Lucas baixo a cita: “A egua nai montada por un xinete, detrás os poldros fillos do vento coas greas o ar”.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet