Produtora » Novas da Fundación TIC

29/05/2014

A TIC tutela o II Festival Itinerante de Balcóns e Espazos Sonoros que organizan alumnos da EIS o 6 e 7 de xuño

- O FIBES é unha iniciativa pioneira en Galicia que xurdiu o ano pasado na Escola de Imaxe e Son e que nesta edición promoven dous alumnos de 2º do ciclo de Produción
- Regina Polín afirmou que “na TIC apostamos pola cultura emprendedora, aportando as ferramentas e formación necesarias para que os alumnos creen os seus propios proxectos”
- Alumnos e bolseiros da EIS realizarán a gravación íntegra do FIBES, que aumenta a súa programación a dous días, nos balcóns da Deputación, Concello e lugares emblemáticos da cidade

O Patrona da TIC e Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, en compaña da Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, presentou este xoves o II Festival Itinerante de Balcóns e Espazos Sonoros (FIBES), unha iniciativa pioneira en Galicia que naceu o ano pasado na Escola de Imaxe e Son (EIS) e que este ano organizan dous alumnos de 2º de Produción coa tutela da TIC. O FIBES terá lugar os días 6 e 7 de xuño, en varios balcóns e espazos públicos do casco histórico de Lugo, con actuacións musicais e espectáculos de rúa, durante todo o día. Trátase dun festival multidisciplinar, no que haberá concertos e representacións teatrais para todos os públicos.

Regina Polín dixo que “este é un exemplo de iniciativa innovadora e con proxección de futuro que xurdiu na nosa Escola. Neste caso, trátase dun proxecto do curso pasado do alumnado de 1º de Produción, dentro do módulo de Planificación, Espectáculos e Eventos, que tralo éxito da primeira edición, agora organizan dous dos nosos alumnos baixo a tutela da TIC”. No acto, que tivo lugar no Concello lugués, tamén participaron os dous alumnos, Marco Amor e Alejandro Losada, que se encargaron da produción e organización do evento.

Prácticas reais e emprendemento
A TIC aporta o material de vídeo e fotografía necesario para o desenvolvemento do festival. Ademais, un equipo de alumnos e bolseiros, baixo a supervisión de profesionais da TIC, realizarán a gravación íntegra do FIBES 2014. Polín afirmou que “as prácticas en escenarios reais son cruciais no modelo educativo da TIC para proporcionar unha formación de calidade ó alumnado, que se axuste á demanda actual do mercado laboral. Ademais, na TIC apostamos pola cultura emprendedora, aportando as ferramentas e formación necesarias para que os alumnos creen os seus propios proxectos, como o FIBES ou a curtametraxe Sara , filmada por titulados da EIS en Lugo e Sarria”.

Programación Itinerante
O venres día 6 os concertos itinerantes do FIBES darán comezo ás 11:00 horas nos balcóns do Pazo de San Marcos, para prolongarse ata a media noite. O sábado 7, o festival inclúe unha das grandes novidades da súa segunda edición, o “Encontro Itinerante FIBES de Vespas”, que xuntará ós afeccionados á icónica motocicleta cos seguidores das propostas musicais da xornada que abrirá Mr. Magoo, no Campo Castelo.

Venres, día 6
11.00 horas: Pablo Balseiro, no balcón do Pazo de San Marcos
12.25 horas: Sunday Morning Club e sorpresa engadida, no hotel Méndez Núñez
17.30 horas: Rockatansky Brothers, nas escaleiras da praza Maior
19.30 horas: Charanga Madialeva, na praza do Campo
20.45 horas: The Grave Dolls + Microefectos Dramatúrxicos, na praza Campo Castelo
22.30 horas: Cats and Monkeys, na praza Campo Castelo

Sábado, día 7
“Encontro Itinerante de Vespas”, na praza Campo Castelo.
Recepción de vespas ata as 14:00 horas, con inscrición gratuíta. A partires das 14:30 horas, “Ruta barítima” por diferentes bares da capital, e unha “Ruta por estrada” dende Lugo a Portomarín. A chegada está prevista para as 19:00 horas. As 20:30: concerto de Mr Magoo, que presentará o seu novo disco “Guerrera”, e fin de festa con DJ Dr. Think.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet