Produtora » Novas da Fundación TIC

01/04/2014

A TIC difunde a campaña de sensibilización da Asociación Capaces Lugo

-A entidade lucense, constituída a finais de 2013, conmemora o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo coa colocación de globos azules na muralla romana, un curso sobre intervención nos casos de TEA e un percorrido polo adarve
- Un equipo da TIC gravará as actividades e realizará unha reportaxe para difundir en varios medios de comunicación e redes sociais, ó abeiro do convenio asinado pola TIC e Capaces Lugo, para promover o labor que están a desenvolver na provincia

A Fundación TIC colaborará na difusión dos actos que a Asociación Capaces Lugo organiza con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra este mércores, día 2 de abril. Un equipo da TIC gravará as actividades e realizará unha reportaxe para difundir en varios medios de comunicación e nas redes sociais sobre as actividades que darán comezo coa colocación de globos azules e pancartas con mensaxes, nas dez portas da muralla romana. O mesmo día, a asociación lucense instalará unha mesa informativa, na praza de San Marcos.

A achega da TIC é froito do convenio asinado con Capaces Lugo, asociación sen ánimo de lucro creada para apoiar ás persoas con Trastorno do Espectro Autista, (TEA), e trastornos de comunicación. O acordo recolle a realización de traballos audiovisuais de divulgación dos proxectos de sensibilización e atención das necesidades persoais dos asociados. A iniciativa permite que os alumnos e titulados da EIS complementen a súa formación con prácticas reais, e tomen contacto co mundo laboral.

Concienciar sobre o Autismo
A campaña de sensibilización da asociación lucense, que está integrada na Federación Autismo Galicia, continuará ó longo da fin de semana. O venres, día 4, ás 18.00 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos, terá lugar a proxección da curta Academia de Especialistas realizada por Miguel Gallardo, pai dunha moza con TEA, e a Fundación Orange. A psicóloga Marlene Horna impartirá, o sábado, día 5, un curso sobre intervención nos casos de TEA, dirixido a pais e profesionais, no colexio Fingoi. O programa rematará o domingo, día 6, cun paseo polo adarve da muralla portando unha pancarta e globos azules. O percorrido iniciarase, ás 12.30 horas, na porta de San Fernando para rematar na praza Maior, diante do Concello, onde un dos mozos da asociación lerá un manifesto.

O labor social da TIC
A Asociación Capaces Lugo foi constituída o 30 de setembro de 2013, e conta con 31 socios de toda a provincia, 14 deles numerarios e o resto colaboradores. Dispón dun amplo equipo de profesionais autónomos que traballan de xeito individualizado con nenos e adultos, e ofrecen asesoramento ás familias.

Na actualidade, a Fundación TIC ten asinados convenios con mais dun centenar de entidades entre as que tamén figura a Asociación Raiolas, da que forman parte pais e nais de persoas con autismo e outros trastornos do Espectro Autista. A entidade, que traballa na provincia dende o ano 2000, ten previsto celebrar o Día Mundial do Autismo coa iluminación en cor azul do adarve da muralla. A ela engádense ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas coas que a TIC colabora para difundir as súas actividades mediante a realización de proxectos audiovisuais.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet