Produtora » Novas da Fundación TIC

14/01/2014

Maiores que perden o medo ás TIC´s

- Álvaro Santos deu conta da posta en marcha da programación dirixida ós maiores do INLugo para o primeiro trimestre do ano que comezou co curso “Coñece o teu ordenador”
- Mañá comeza un obradoiro de estimulación cognitiva coa Wii, no que os participantes divertiranse ó tempo que traballan a capacidade de memoria, percepción, cálculo, agudeza e análise
- Aberto o prazo de inscrición para os cursos e obradoiros que son gratuítos na web www.deputacionlugo.org, onde se pode consultar a programación completa e horarios

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, participou este luns na posta en marcha da programación dos cursos para maiores que organiza o INLugo, o primeiro centro de Innovación Social de Galicia, que puxo en marcha a Deputación de Lugo.

Tratase do curso “Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador”, no que participan unha ducia de maiores que reciben nocións básicas que lles axuden a enfrontarse a un ordenador e sacarlle ó máximo partido a este instrumento cotiá. O obxectivo destes cursos é que os maiores lle perdan o medo ás TIC´s polo que todos son eminentemente prácticos. No que comezou hoxe, os participantes manexaron o ordenador dende o primeiro momento, para adquirir soltura a través de exercicios e xogos sinxelos. En definitiva, o curso servirá para animar ós maiores a que empreguen o ordenador na súa vida diaria, mellorando as súas comunicacións e aumentando a súa autonomía.

Os maiores e a Wii
Mañá martes, 14 de xaneiro, de 16:30 a 18:30, celébrase un obradoiro de estimulación cognitiva coa Wii. A videoconsola, cos xogos adecuados, é unha excelente ferramenta para traballar capacidades como a memoria, a percepción, a análise, o cálculo e a agudeza. Os maiores que participan neste obradoiro aprenderán a manexar as novas tecnoloxías, ó tempo que se divirten xogando. As actividades con videoconsola teñen un grande éxito de participación, polo que nesta ocasión ampliouse a oferta de cursos. Convócanse 3 obradoiros con Wii e un con Xbox, dous son de estimulación cognitiva e outros dous de estimulación motriz e funcional.

Máis cursos
As actividades programadas polo INLugo para o primeiro trimestre do ano inclúen 25 cursos e obradoiros dirixidos a maiores para sacarlle o máximo partido ás novas tecnoloxías. Ofértanse un total de 312 prazas en accións formativas de variada duración e temática coas que os participantes aprenderán a manexar o seu ordenador, tablet, teléfono móbil ou videoconsola. Segundo os expertos estes cursos tamén fomentan a sociabilidade dos maiores, xa que relaciónanse con outros participantes e melloran as súas comunicacións con familiares e amigos a través de Internet. As actividades son completamente gratuítas e para apuntarse ou consultar a programación completa só teñen que entrar na web www.deputacionlugo.org.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet