Produtora » Novas de Lugo

23/06/2017

Campos defende a igualdade de oportunidades na Gala de Graduación dos 28 novos titulados da EIS de Lugo


- O Presidente da TIC dixo que “manteremos a gratuidade de matrícula para que todos os mozos e mozas da nosa provincia con talento e vocación poidan acceder á formación de calidade da EIS”

- Os alumnos de primeiro organizaron unha Gala inspirada no cine clásico na que se presentaron dous videoclips, unha curta e un spot elaborados polos novos titulados

- Representantes de medios de comunicación e de produtoras da provincia asistiron ao acto, que contou coa actuación de Lucía Pérez

O Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, clausurou este xoves o curso 2016-2017 da Escola de Imaxe e Son nun acto ao que asistiron numerosos convidados, entre eles, representantes de medios de comunicación da provincia e do sector audiovisual. Campos, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e por varios membros do Padroado, felicitou aos 28 novos titulados da EIS e aos alumnos de primeiro de Produción e Realización encargados de organizar e gravar a Gala de Graduación, inspirada no cine clásico, e que contou coa actuación da cantante Lucía Pérez.

O máximo responsable provincial afirmou que “este é un día agridoce para nós xa que, por unha banda, 28 rapaces e rapazas que formaron parte da nosa Escola nestes dous últimos anos rematan os seus estudos pero, por outra, comeza unha nova etapa chea de ilusión. Sentímonos moi orgullosos de cada dos nosos novos titulados e agardamos que inicien agora unha andaina con éxito no audiovisual. Dentro das posibilidades da TIC, seguiremos apoiándoos nos proxectos que emprendan no futuro”.

O modelo educativo da TIC

Campos dixo que “a formación que impartimos na EIS é froito da aposta que facemos desde o Goberno da Deputación polo ensino de calidade, a igualdade de oportunidades e a especialización adaptada ás demandas dun sector moi dinámico”. O Presidente puxo coma exemplos deste modelo educativo tanto a organización da propia Gala como os traballos que se presentaron durante o acto: dous videoclips, unha curtametraxe e un spot, elaborados polos alumnos de segundo. Ademais, subliñou que “o curso que vén mantermos a matrícula gratuíta. Queremos que todos os mozos e mozas da nosa provincia con talento e vocación poidan acceder a EIS, independentemente da súa situación económica”.

Unha Gala de cine

Os alumnos de primeiro de Produción organizaron a Gala de Graduación como práctica dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. Inspirada no cine clásico, a velada contou con numerosas sorpresas e un photocall na entrada da Escola.

Ademais proxectáronse os videoclips Méteo no cu de Mi Perro Vicent e Tú sin mí de Lucía Pérez; a curtametraxe Hermetismos e o spot dunha marca de leite. Estes son algúns dos traballos elaborados polos novos titulados que, ao longo do curso tamén realizaron, entre outros, tres programas de televisión que poden verse nas redes sociais e a Semana de Teatro con 11 espectáculos representados, producidos e realizados por eles.

Prazos para o curso que vén

A matrícula para o curso 2017- 2018 será gratuíta por décimo ano consecutivo. O prazo de preinscrición para as 40 prazas de primeiro dos ciclos Superiores de Realización e Produción remata este venres, 23 de xuño. A matrícula ordinaria poderá formalizarse do 4 ao 20 de xullo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet